CRTVG

Buscar

O condutor dun camión de leite aparece morto no interior da cisterna

Publicado o 30/06/2019 17:07

A Garda Civil investiga as causas da morte do condutor dun camión de recollida de leite na zona de Chantada. O seu corpo sen vida aparecía onte no interior da cisterna e, á espera do que ditamine a autopsia, non se desbota ningunha hipótese.

O falecido é o chófer do camión cisterna, que xa estaba cargado e disposto para saír. O condutor só tiña que recoller os documentos para emprender a viaxe, pero por motivos que se descoñecen non o fixo. O responsable da empresa, radicada en Chantada, ao ver que non saíra, achegouse ata o camión. Foi el quen descubriu o cadáver.

Deseguida presentáronse os servizos médicos, que constataron o falecemento, e a xuíza, que decretou o levantamento do cadáver.

Entrar no tanque do leite non é doado e, de feito, non é traballo do condutor acceder á cisterna. O leite consérvase a catro graos no interior do depósito e as baixas temperaturas puideron provocar a súa morte por hipotermia, aínda que tamén puido afogar ou sufrir un golpe mortal. A Garda Civil ten aberta unha investigación para esclarecer como ocorreron os feitos. En principio, descártase que fose unha morte violenta.

Agora será a autopsia a que determine como se produciu a morte deste veciño de Trabada, de sesenta e tres anos.

Noticias web

30/06/2019