CRTVG

Buscar

O condutor dun camión agride cun martelo dous ciclistas en Pontevedra

Publicado o 25/10/2018 19:09

As autoridades investigan o condutor dun camión, provedor de madeira da empresa Ence, que agrediu cun martelo dous ciclistas en Pontevedra tras manter con eles unha discusión vencellada cun incidente de tráfico. Todo foi recollido nun vídeo e difundido a través das redes sociais e grupos de WhatsApp, onde se ve como o camioneiro chega a ameazar de morte os ciclistas.

Todo comezou cando os adiantou pola estrada PO-546, increpando e sen respectar a distancia de seguridade. Cando o camioeiro se detivo de forma brusca para xirar cara a fábrica, case atropela os dous ciclistas, que posteriormente foron recriminarlle a manobra perigosa. O home, visiblemente enfadado e amosando unha actitude violenta, abandonou a cabina do camión e, martelo na man, comezou a golpear as bicicletas e, posteriormente, tamén un dos ciclistas, que recibiu unha martelada na cabeza. O casco freou o golpe, pero o ciclista tivo que ser trasladado a un centro hospitalario de Pontevedra para ser atendido dun traumatismo cranioencefálico.

A propia compañía Ence, tras coñecer este altercado, emitiu un comunicado en que rexeitaba o comportamento "incívico e violento" do transportista á entrada da fábrica. Ence asegura que identificará "coa maior rapidez posible" o camioneiro para denuncialo ante as autoridades e tomar as "medidas oportunas" para que non volva traballar para eles.


 

Noticias web

25/10/2018