CRTVG

Buscar

O condutor do accidente mortal de Salamanca dá positivo en alcol e drogas

Publicado o 22/07/2019 20:46

O condutor do accidente mortal de Salamanca será investigado por homicidio imprudente tras dar positivo nas análises de alcol e drogas. No sinistro morreron catro mozos, dous deles menores de idade, e todos veciños de Alba de Tormes, localidade que esta tarde acolleu o seu funeral. O rapaz recuperara hai pouco máis de tres meses o carné de conducir e ten antecedentes por tráfico de estupefacientes. 

Positivo en alcol e drogas. É o resultado da análise de sangue que se lle practicou ao condutor do vehículo sinistrado en Galisancho, ás aforas de Salamanca, onde morreron catro mozos de entre 17 e 20 anos. Unhas probas que foron realizadas no hospital onde se atopa ingresado en estado grave.

No coche con capacidade para cinco persoas ían seis ocupantes, un deles non levaba o cinto de seguridade, e volvían á súa vila, Alba de Tormes. O pavillón desta localidade acolleu en plena consternación o funeral dos catro rapaces, ao que acudiron numerosas autoridades, ademais dun grupo de psicólogos posto a disposición das familias dos falecidos. É o accidente con máis vítimas acontecido en Salamanca desde hai 15 anos.

O condutor, de 25 anos, recuperara o pasado mes de abril o seu carné de conducir tras perder todos os puntos, segundo informaron fontes do instituto armado. Agora será investigado por catro homicidios imprudentes e por lesións, tendo antecendentes penais por tráfico de estupefacientes. Mentres a Garda Civil continúa a investigación, o condutor e o outro supervivente recupéranse no hospital Virgen de la Vega.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

22/07/2019