CRTVG

Buscar

O condutor que caeu á vía do tren en Arbo deu positivo no control de alcoholemia

Publicado o 04/02/2019 11:31

Un home de nacionalidade portuguesa faleceu nun accidente en Arbo, preto do paso fronteirizo. O coche en que ía de copiloto precipitouse por un desnivel e caeu na vía do tren. O condutor do vehículo, ferido leve, deu positivo na proba de alcolemia.

O accidente sucedeu sobre as catro desta mañá, preto da estación do tren do concello pontevedrés de Arbo e a só un cento de metros da fronteira con Portugal. Un vehículo de alta gama saía fóra da estrada, arrincaba o peitoril da ponte e precipitábase á vía do tren dende unha altura duns dez metros.

No vehículo viaxaban dous homes de nacionalidade portuguesa. O condutor puido saír polo seu propio pé do coche, pero o acompañante, de 34 anos, faleceu.

Ao lugar acudiu a Garda Civil de Arbo e varias patrullas do destacamento de Tráfico do Porriño, así como os bombeiros de Ponteareas, que tiveron que liberar o falecido. Fontes da investigación confirman que o condutor deu positivo na proba de alcolemia e será investigado por un presunto delito de homicio imprudente.

A vía do tren quedou cortada durante cinco horas e dous convois que cubrían o traxecto dende Vigo con dirección a Ourense quedaron afectados. Os pasaxeiros tiveron que ser trasladados en autobús aos seus destinos.









 

Noticias web

04/02/2019