CRTVG

Buscar

O condutor kamikaze de Xixón circulaba a 190 quilómetros por hora

Publicado o 16/07/2019 20:54

O condutor kamikaze que causou un accidente en Xixón circulaba a 190 quilómetros por hora en dirección contraria pola autovía do Cantábrico. Morreu no sinistro e deixou feridas 5 persoas, entre elas dúas nenas de 4 e 5 anos.

Circulou 56 quilómetros en sentido contrario pola autovía do Cantábrico desde Cudillero e acabou colidindo contra outros dous vehículos á altura xa do concello de Xixón. Tardou uns 18 minutos en facer o percorrido, do que a Garda Civil deduce que circulaba a uns 190 ou 200 quilómetros por hora. O condutor é un home de 52 anos e morreu no accidente. A Garda Civil investiga o ocorrido.

Julio Zapatero, xefe do Destacamento de Tráfico de Xixón asegura que "desbotar non se pode desbotar nada, pero é certo que é un treito moi longo e a unha velocidade altísima. Todo apunta a pensar cousas que non son moi normais".

Quedaron feridas cinco persoas, entre elas dúas pequenas de catro e cinco anos. Os coches implicados non puideron evitar o kamikaze.

Zapatero engade que cando un "sae de Xixón e toma a decisión de ir cara a Avilés, hai unha curva bastante pronunciada en suba e era moi difícil darse de conta de que viña un vehículo a esa velocidade. A visibilidade non é a axeitada".

O vehículo do kamikaze quedou completamente desfeito.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

16/07/2019