CRTVG

Buscar

O Concello lamenta a retirada prematura da alfombra floral do Rosario na Coruña

Publicado o 08/10/2018 08:53

Curta vida a que tivo unha alfombra floral na Coruña. Un grupo de voluntarios elaboráraa de madrugada en honor á Virxe do Rosario, pero á primeira hora deste domingo xa non estaba. Un equipo de limpeza do Concello entrou na zona e retirou a alfombra. Os veciños aseguran que contaban cos permisos necesarios para realizar o tapiz floral, unha tradición coa que cumpren todos os anos. Esixen que os responsables dean explicacións e o Concello asegura que hoxe se vai reunir con eles.

Ás tres da madrugada a alfombra floral en honor á patroa da Coruña estaba lista. Os voluntarios da asociación de veciños Faro de Monte Alto dedicaron preto de dez horas a confeccionar o tapiz, que este ano cubría un recuncho da praza de Santo Domingo. Sobre as cinco da mañá, o servizo de limpeza varreu o mosaico.

"A desolación aínda non me pasou. Quen se fai responsable agora? Para min o responsable é o mandatario".


Á mañá celebráronse os actos relixiosos programados dentro das festas do Rosario. Co paso das horas o malestar foi aumentando entre os veciños, que responsabilizan do sucedido ao Goberno municipal.


"Unha alfombra que se confecciona para un acto determinado non desaparece sen máis, é por orde de alguén".
"E o traballo de toda esta xente? Isto non se pode facer. Estes son os políticos que temos".
"Dicirlles que romperon unha tradición de máis de catrocentos anos".

O Goberno local cualifica a retirada prematura da alfombra como un erro lamentable causado por unha mala interpretación do horario de limpeza que solicitara a asociación. A concelleira de Medio Ambiente reunirase nas próximas horas co presidente do colectivo para pedir desculpas en nome do Concello.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

08/10/2018