O Concello dille a Ence que busque alternativas á ría e a empresa recorrerá a sentenza
Os comités de empresa de Ence preparan o recurso ante o Supremo logo da sentenza que anula a prórroga da concesión. Ademais da vía xudicial, haberá novas mobilizacións; o obxectivo é evitar o peche. Esta mañá concentráronse en Pontevedra.
O comité de fábrica achegouse ata a Subdelegación do Goberno en Pontevedra para pedir a reapertura da mesa de diálogo con todas as partes implicadas no conflito. Tras coñecer a sentenza que anula a prórroga de concesión, os traballadores din que están no peor dos escenarios e anuncian novas mobilizacións. Por outra banda, continúan as reaccións políticas ante esta sentenza que agranda aínda máis as diferenzas.
Coa data de caducidade sobre a mesa logo da sentenza da Audiencia Nacional que desbota a ampliación do permiso para seguir en Lourizán, os comités de empresa da pasteira comezan a buscar solucións para evitar o seu peche. Anuncian mobilizacións e piden que se reúnan as partes implicadas no conflito.
Canto ás reaccións políticas, no Concello pontevedrés, que recorreu contra a prórroga, están satisfeitos coa sentenza porque cren que o que fixo foi aplicar a lei e din aos traballadores que lles esixan á Xunta e á empresa que poñan os medios para buscar unha alternativa.
Na oposición, o grupo popular acusa o rexedor de poñer en perigo os postos de traballo. A dirección da fábrica e os comités de empresa van esgotar as vías xurídicas para defender a legalidade da prórroga de concesión da fábrica e xa preparan os recursos ante o Supremo.
As accións de Ence en bolsa seguen acumulando perdas. No primeiro día de actividade na bolsa esta semana, a caída dos títulos da pasteira supera os dous díxitos. Pouco antes do mediodía, as accións de Ence caían máis do 14 %, que se suma ao 9 % de retroceso que experimentaba o venres, poucos despois de coñecer a sentenza da Audiencia Nacional. O prezo da accións sitúase nos 2,5 euros. É un dos valores máis castigados do mercado.