O Concello de Xinzo pide aos veciños adiantar ás 20:00 o toque de recollida
• Pídelles aos comercios non esenciais que pechen á mesma hora ca a hostalería, en solidariedade con ela e para facilitar o toque de queda
• Piden suprimir toda interacción social en Cuntis desde as seis da tarde
O Concello de Xinzo de Limia propón adiantar o toque de queda ás oito da tarde e que os comercios cerren ás seis da tarde para tratar de reverter o aumento de contaxios da covid-19 tras as datas do Nadal.
Esta formulación prodúcese despois de que o Goberno central anunciara este domingo que vai recorrer o acordo de Castela e León de adiantar ás oito da tarde o toque de queda, unha decisión que lamentou a Junta castelá-leonesa, que o mantén en vigor.
O Concello de Xinzo anunciou tamén o peche das instalacións deportivas e dos parques infantís así como a suspensión de todas as actividades culturais e deportivas e recomenda as vías telemáticas para todas as xestións non imprescindibles.
Así o trasladou nun comunicado remitido aos medios, a alcaldesa Elvira Lama, do PSdeG, quen avanzou a publicación dun bando ante "a crecente preocupación" polo constante aumento de casos. Na actualidade, a localidade alcanzou un novo pico de 171 nunha poboación de menos de 10.000 habitantes, "o que supón unha das incidencias máis altas do país".
Esta situación, unida ao resultado do cribado realizado o sábado, levou a alcaldesa a convocar onte reunións telemáticas de urxencia cos membros do Goberno local para acordar estas e outras medidas disuasorias para reducir a mobilidade.
Entre as medidas que expón o consistorio, atópase "redobrar" tarefas de limpeza en "rúas, prazas e espazos públicos" tanto na vila como nas contiguas con todos os medios dispoñibles. Tamén propuxo aos comerciantes que adianten o peche dos negocios ao seis, coincidindo co peche da hostalería.
Nesta mesma liña, o consistorio pide un "esforzo adicional" á cidadanía para que saia da casa só "para actividades esenciais", reducindo a mobilidade ao mínimo indispensable para reverter os "alarmantes datos" desta localidade.
Algunhas destas medidas foron compartidas onte mesmo coa asociación de comerciantes Prolimia, á que se lle pediu dende o Goberno local solidariedade coa hostalería adiantando o horario de peche as 18:00 horas, salvo para os establecementos que realicen actividades esenciais (alimentación, farmacias, telecomunicacións…). Con este adianto tamén favorecerán o novo toque de queda local.
Fronte a estes datos, lamenta a falta de "medidas drástica" por parte do Goberno central e autonómico que estean "á altura da gravidade da situación". No comunicado, Lama defende a necesidade de que ambos os gobernos impulsen estas medidas "drásticas" para tratar de "reducir" o número de ingresos hospitalarios e evitar que se produzan mortes.
Mentres tanto, avanzou que o consistorio adoptará todas as medidas posibles "ata o límite" das súas competencias. "Para iso é imprescindible reducir ao máximo a mobilidade e non saír de casa salvo para o imprescindible, evitar os contactos sociais e extremar as precaucións", insiste.
A alcaldesa apela a que Xunta e Goberno se poñan de acordo e adopten medidas "realmente proporcionadas coa gravidade de situación".