O Concello de Vimianzo advirte dun intento de engano por parte de supostos comerciais dunha empresa eléctrica
Veciños da aldea de Treos, en Vimianzo, estiveron a punto de ser vítimas dun engano. Dous homes que se facían pasar por comerciais dunha empresa eléctrica tentaron conseguir os datos persoais dos habitantes de polo menos unha das casas.
Unha veciña di: "Chegaron aquí todos apurados. Un quedou no coche e o outro veu á porta e pediu que lle ensinásemos o último recibo da luz. E nós ensinámosllo".
O obxectivo destes comerciais fraudulentos adoita ser captar clientes para cambialos de compañía eléctrica con condicións abusivas. Desta volta, o pretexto para conseguir a documentación do titular do contrato era a renovación do bono social. Pero polo menos aquí parece que non picou ninguén. Unha veciña: "Querían ver o carné, non lle valía dicirlle o número só, pero xa non lles ensinamos nin o carné nin nada. Marcharon moi apurados, se cadra viñan do lugar ou de algún lado que os apuraran".
Varias testemuñas identificaron un coche de marca Opel e cor branca. A Policía Local e a Garda Civil fixeron un rastrexo pola zona pero non atoparon os sospeitosos.