O Concello de Santiago pinta avisos nos pasos de peóns para evitar descoidos co móbil
A cabeza gacha e a mirada fixa na pantalla do móbil, ás veces cos auriculares como complemento. É a estampa máis recoñecible dos peóns tecnolóxicos, un tipo de camiñantes que vai en aumento.
E se camiñas mirando o móbil, ás veces non atendes ao que tes que atender. Iso pensaron no Concello de Santiago, que pintou avisos coma estes nos pasos de peóns para captar a atención dos viandantes e que crucen con seguridade. E é que aumentan os accidentes relacionados con este tipo de descoidos, situacións de risco xa habituais no noso día a día.
Aínda que moitos se recoñezan nestes hábitos, poucos admiten vivir situacións de perigo. Mesmo os que admiten non despegarse do móbil na rúa, din poñer toda a atención para facer un cruzamento. Con todo, a recomendación máis segura é levar o teléfono no peto ou no bolso, para evitar tentacións. Ou mesmo deixalo na casa, "como antigamente" nos comentaron hoxe en Santiago.
O caso é que, con móbil ou sen el, atender ao que se ten que atender en cada momento nunca debera pasar de moda.