CRTVG

Buscar

O Concello de Santiago analiza se recorre a nova sentenza na demanda contra os Franco

Publicado o 26/12/2019 12:21
O Concello de Santiago analiza se recorre a nova sentenza na demanda contra os Franco

O Concello de Santiago estuda se recorrerá ante o Tribunal Supremo a sentenza da Audiencia Provincial de Madrid que deu a razón á familia Franco e rexeita a entrega de dúas estatuas do Mestre Mateo, autor do Pórtico da Gloria na Catedral de Santiago.

A tal fin, segundo indicaron fontes municipais, o alcalde da capital galega, Xosé Sánchez Bugallo, encargou tanto á Asesoría Xurídica como ao equipo que leva a representación legal neste caso unha proposta para "a próxima semana".

Trátase da segunda sentenza en contra do Concello de Santiago, que reclama a titularidade das estatuas de Isaac e Abraham, despois de que o xulgado 41 de Madrid xa dese a razón aos Franco en primeira instancia.

Durante este litixio, iniciado pola anterior corporación municipal con Martiño Noriega como alcalde, ademais, estas dúas estatuas foron declaradas Ben de Interese Cultural (BIC) pola Xunta de Galicia.

En primeira instancia, o xulgado madrileño aduciu que non quedaba probada a posesión do Concello das estatuas e a Audiencia sinala, no novo auto, que a titularidade si está probada, pero rexeita a entrega porque non pode certificar que as estatuas que reclama o Concello sexan as mesmas que teñen os Franco en posesión.