CRTVG

Buscar

Padrón incorporarase ao nivel máximo de restricións a partir do domingo

Publicado o 06/05/2021 16:02

Padrón incorpórase ao grupo de máximas restricións (nivel 1), onde continúan Cambados, Vilanova de Arousa, Cualedro e Laza. Representan o 1,3 % da poboación. Nestes municipios, mantense o peche perimetral e o toque de queda entre as 23:00 e as 6:00 horas. Tamén se prohíben as xuntanzas de persoas non conviventes e a hostalería permanece pechada.

No nivel alto (2) quedan a Merca, A Pastoriza, Marín, Gondomar, Salceda de Caselas, Mesía, Ribeira, Coristanco e A Laracha (o 3,7 % da poboación). Neste chanzo, establécese a libre mobilidade, non hai toque de recollida e os locais de hostalería poden abrir as terrazas ao 50 %. As xuntanzas en lugares pechados limítase a catro persoas non conviventes, e a seis no exterior.

Ames e Tomiño incorpóranse ao nivel medio (3) onde seguen Carballeda de Valdeorras, Verea, Muíños, Verín, Xinzo de Limia, Allariz, Toen, Chantada, Meira, Cercedo-Cotobade, Vilagarcía de Arousa, Soutomaior, Fornelos de Montes, Cangas, O Porriño, Tui, Vigo, Nigrán, Lalín, Silleda, Noia, Melide, Ordes, Carballo, Betanzos e Cambre.

Neste chanzo, non hai peche perimetral nin toque de queda e o sector hostaleiro pode atender un 30 % no interior e un 50 % no exterior. As xuntanzas tamén están limitadas a catro persoas en interior e a seis en lugares ao aire libre.

No nivel medio-baixo (4) sitúanse os 271 concellos restantes, o 70,7 % da poboación. Aquí tampouco hai toque de recollida nin peche perimetral. A hostalería abre ao 50 % no interior e ao 75 % no exterior. As xuntanzas teñen as mesmas restricións ca nos dous grupos anteriores.

Todas as medidas, que se publica este venres no Diario Oficial de Galicia, entrarán en vigor a madrugada do domingo. Porén, segundo dixo Alberto Núñez Feijóo na conferencia de prensa posterior á xuntanza do comité clínico, "quedarán pendentes" da rafiticación dos tribunais.

Dispárase a incidencia en Padrón

A incidencia da covid−19 disparouse en Padrón en só unha semana. O primeiro gromo detectouse na parroquia de Herbón, pero agora xa hai casos en varios puntos do municipio. Está en marcha a busca de asintomáticos cun cribado masivo ao que están convocados 2.600 padroneses de 50 a 70 anos. A xente acudiu masivamente. Consideran que é necesario ante o aumento dos contaxios.

Gromo entre tripulacións

En Ribeira, que está no nivel alto de restricións, segue aumentando o gromo que afecta mariñeiros do cerco. Ademais dos infectados están en corentena 35 tripulantes de tres barcos que andan ao bocarte no Cantabrico e que viaxaron xuntos desde Xixón nun autobús para facer o descanso semanal.

"Hai un barco que ten nove positivos. Un que estaba ingresado bastante mal vai evolucionando pouco a pouco, tamén o resto dos infectados. E hai outro barco dos nosos con outro positivo", explicaba o patrón maior da confraría Jose Antonio Pérez Sieira.

Repunta no barrio ourensán da Ponte

O barrio ourensán da Ponte é un exemplo de que ningún lugar está libre de ter unha repunta de contaxios. Mentres a incidencia media da cidade está en 80 e nalgúns barrios na metade, aquí subiu a 137 en poucos días. Xa convocaron os veciños a un cribado este sábado.

"De momento non é un aumento preocupante, pero obriga, por prudencia e de forma preventiva, a facer unha busca activa de casos asintomáticos", apuntaba o xerente da área sanitaria, Félix Rubial. Varios gromos familiares están detrás do incremento da incidencia da covid−19 neste barrio de Ourense onde viven preto de trinta mil persoas, un cuarto da poboación da cidade.