CRTVG

Buscar

O Concello de Ourense remodela o histórico xardín do Posío

Publicado o 20/09/2021 21:03

A cidade de Ourense pon a vista nun dos espazos máis emblemáticos para os veciños: o xardín do Posío, que será remodelado nun intento de devolverlle a vida e a actividade que tivo noutros tempos: un espazo para o lecer, para as relacións sociais e un pulmón verde da cidade. Nace este proxecto con algo que non tiveron outros anteriores: o apoio da plataforma veciñal.

Dous homes conversan no paseo das palmeiras do Posío, ano 1929, cun xardín exhuberante de vexetación. O mesmo espazo no ano 93, cheo de nenos e adultos, compartindo o seu tempo de lecer.

Antón Gómez, voceiro da Plataforma Dignidade para o Xardín, explica que viviu o xardín desde pequeniño como zona de xogos, como patio de recreo do seu colexio. Descríbeo como un rebumbio de xente todas as tardes.

Ese apego dos ourensáns ao seu xardín é o que intentan recuperar no proxecto de remodelación que acaba de presentar o concello de Ourense. O obxectivo é, segundo Jorge Pumar, concelleiro de Medio Ambiente de Ourense,"que volva a esencia do parque aos anos 60, onde predomine o verde, o concepto de sustentabilidade".

Comerlle espazo ao cemento con vexetación, reconquistar de verde as zonas máis degradadas e integrar o parque infantil no concepto do xardín son os criterios que seguiu o arquitecto á hora de deseñar o proxecto.

"Imos observar cambios na distribución dos espazos, no equipamento, nas instalacións, nos acabados de pavimentación, no parque infantil, sobre todo, que leva un lote importante do investimento", explica Roberto González, arquitecto. 

Contan co visto e prace da plataforma veciñal, que xa advertiu que estará vixiante para que non se vulnere o espírito do Posío.

Noticias web

20/09/2021