CRTVG

Buscar

O Concello de Ourense "obrará en consecuencia" se detecta "erros" no caso da nai e fillo falecidos

Publicado o 08/08/2019 17:52
O Concello de Ourense "obrará en consecuencia" se detecta "erros" no caso da nai e fillo falecidos

O portavoz de Democracia Ourensana, Miguel Caride, manifestou que no caso de que as análises das últimas chamadas da nai e o fillo que morreron ao precipitarse desde unha pasarela en Ourense puxesen de manifesto un comportamento "incorrecto" das forzas de seguridade ou dos Servizos Sociais por parte do Concello se miraría "que é o que o ocasionou e obraríase en consecuencia". Con todo, o portavoz municipal fixo fincapé en que "en calquera caso, non se debe empregar un feito tan lamentable para poñer en dúbida a actuación dos servizos municipais nin da Policía Local".

Ademais, Caride apuntou que "sempre é moi complicado establecer cales son exactamente as causas que levan a tomar decisións deste tipo". Polo momento descoñécese se o sucedido chegará finalmente aos xulgados como un posible caso de violencia machista, debido a que non figuraba ningunha denuncia nin en Ourense nin en Barcelona, de onde eran as vítimas. Ata agora só constan "unhas dilixencias previas no xulgado", segundo confirmou Caride, necesarias para a intervención dos forenses no levantamento dos cadáveres.

A muller falecida, de 71 anos, e o seu fillo, de 27, que morreron despois de precipitarse á estrada N-120 desde a pasarela contigua á estación de autobuses, chegaron desde Barcelona á capital ourensá tratando de fuxir de ameazas familiares, segundo indicaron fontes da investigación. O día 1 de agosto, as vítimas chamaron a familiares residentes en Ourense comunicándolles que, tras unha discusión, o marido e pai dunha das vítimas botáraos da súa casa en Barcelona.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

08/08/2019