CRTVG

Buscar

O Concello de Ourense creará a figura do 'city manager', que cobrará 86.000 euros

Publicado o 06/02/2020 19:15
O Concello de Ourense creará a figura do 'city manager', que cobrará 86.000 euros

O Goberno de Ourense levará este venres a pleno, co aval do alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, a creación do novo posto de 'city manager', unha figura que, en caso de aprobarse, pasará a percibir uns 86.000 euros brutos anuais, un salario superior ao do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e ao do titular da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. En concreto, o Goberno formado polo PP e DO presentará mañá unha proposta da alcaldía sobre “o réxime retributivo do coordinador xeral da Administración municipal”.

"É moi fácil, se nós queremos contratar un funcionario que é totalmente vital no Concello de Ourense, debido a que é o concello máis esquecido de toda España, está claro que necesitamos unha persoa cuxo soldo vai ser totalmente rendible polos beneficios que vai traer", sostivo o rexedor.

A preguntas formuladas polos xornalistas, o alcalde defendeu a contratación desta persoa que pasaría a ser, dixo, como o "segundo de a bordo" e que ocuparía un posto "top", ao explicar que tería responsabilidades para "manexar a parte burocrática" do Concello e mesmo "en moitas ocasións" tomar decisións.

No que respecta ao salario, Pérez Jácome xustificou o soldo para que se incorporen os mellores profesionais que están a traballar nas diferentes administracións. Explicou, neste sentido, que o soldo "non o pon o alcalde nin Democracia Ourensana", senón o Goberno central.

"Se queremos unha persoa que teña nivel de secretario, interventor... o salario non o puxemos nós, púxoo o Estado", esgrimiu o alcalde, e insistiu en que "se os soldos son máis altos que os do presidente da Xunta ou do Goberno, a culpa é do Estado español por permitir que secretarios e interventores gañen tanto diñeiro".

"Se queremos que veña un 'top', hai que pagar 86.000 euros. O que non vai facer unha persoa é perder diñeiro", resolveu.

Entre as súas funcións, o denominado 'city manager' encargarase de "manexar" toda a parte burocrática do consistorio para que desa forma o alcalde se dedique á "toma de decisións estratéxicas" para a cidade, indicou Pérez Jácome.

"É fundamental que a persoa sexa unha especie de segundo de a bordo para temas vitais. Por unha banda, o tema burocrático, para sacar adiante pregos e, en moitas ocasións, tomar decisións", apuntou.