CRTVG

Buscar

O concello de Miño cambia o sistema de aparcamento para controlar o acceso á praia

Publicado o 24/06/2020 20:49

Esta semana comezaron en Miño os traballos para cambiar o sistema de aparcamento que dá acceso á praia grande, a máis longa deste concello coruñés. Así, a partir de agora, de aparcar en batería, haberá que aparcar en liña, o que vai reducir o número de aparcamentos. Unha boa medida de control de acceso e de seguridade para os veciños de Miño

"Paréceme moi correcto si, así si, se é para iso si. Isto da pandemia aínda non rematou".
"A min non me afecta porque vivo aquí e teño praza de garaxe e teño onde aparcar. Supoño que á xente que vén habitualemente en coche pois si, suporalles un problema".

De feito, son moitos os lugueses que veñen habitualmente a esta praia no coche. Cren que con esta medida vai ser moito máis difícil aparcar

"Esta é unha praia moi recorida para os que somos de Lugo, que vimos moito aquí, e non temos onde aparcar, iso vai ser un motivo para non vir a Miño".

"O día que vai calor non tes forma de aparcar aquí. Entón, pois se non podes vir aquí no coche, en que vas vir...".

O mesmo pensan os que teñen algún negocio a pé de praia. Din que este novo sistema de aparcamento os vai prexudicar.

"Para controlar a ocupación da praia había outras maneiras de facelo con máis seguridade e non unha lea para os que temos que vir aquí e aparcar todos os días, que ao final somos os máis prexudicados, nós e mais outros negocios".

O novo sistema de aparcamento en liña deixa un espazo reservado para unha senda peonil co fin de evitar que haxa cruzamentos entre os viandantes e que se poida manter mellor a distancia social.

Noticias web

24/06/2020