CRTVG

Buscar

O concello de Marín destina 2.500 euros a unha campaña de esterilización de gatos de rúa

Publicado o 22/08/2019 13:55

O soar de diante do centro de saúde é un dos puntos de concentración de gatos de rúa en Marín. A media mañá só encontramos a Patricio, pero as voluntarias da protectora ResPeTa falan da existencia de numerosas colonias de felinos na vila e no rural que a rodea. Jerri é o residente visible doutra colonia da zona atendida por outra voluntaria.

María del Pilar Pérez, voluntaria da protectora de animais ResPeTa explica: "Ti deixas un gato na rúa e xa empeza unha colonia; mestúrase cunha femia e xa está feito; empezan a criar entre eles e xa tes unha colonia. Cando empecei a atender esta había seis gatos, teñen crías, estas crían entre elas e xa a tes formada. En seis meses tes unha colonia. Agora teño máis de trinta"

Para poñer freo á proliferación desmesurada de gatos e previr os incomodos que iso xera en parte da veciñanza, ResPeTa leva a cabo un plan de esterilización ao que o Goberno municipal de Marín destina 2.500 euros este ano.

Laura Vilas. Tesoureira da protectora de animais ResPeTa di que "nós encargámonos de mercar as gaiolas, capturamos os gatos e darlles de comer para habitualos e poder capturalos. Levámolos ao veterinario e logo soltámolos. E o concello paga directamente ao veterinario. Nós niso non entramos".

ResPeta é unha asociación sen fondos propios e baseada no voluntariado de balde. A achega do Concello permitirá capar unhas 25 gatas. Non son moitas respecto ás que pode haber na mesma situación pero, polo menos, non aumentará tanto a poboación de gatos de rúa.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

22/08/2019