O Concello de Friol dará 1.200 euros a cada familia que teña un neno
O alcalde de Friol, José Ángel Santos, anunciou que incentivará con 1.200 euros o nacemento de cada neno no termo municipal e os pais recibirán, ademais, un "lote de produtos de primeira necesidade" para aliviar o desembolso que teñen que facer as familias cando chega un neno a casa.
O Goberno local tomou esta decisión co obxectivo de frear o despoboamento da zona rural e en concreto das aldeas deste concello, que ten menos de catro mil habitantes e cuxa capital está a vinte minutos en coche da cidade de Lugo.
No que vai de ano, precisou o rexedor local, producíronse tres nacementos, o que fai que no Goberno local estean "contentos" de poñer en marcha esta medida.
"Estamos contentos de que haxa novos nacementos e queremos expresar o noso apoio total por parte da Administración local" aos pais que se deciden a ter nenos neste municipio rural da provincia de Lugo, dixo o alcalde.