CRTVG

Buscar

O Concello de Curtis denuncia unha familia por incumprir a corentena

Publicado o 12/03/2021 16:26

En Curtis, o Concello denunciou unha familia por non cumprir co confinamento despois de que un dos membros dera positivo en covid. Consideran que este desacato está a poñer en perigo a saúde do resto dos veciños.

Todo comezou o luns, cando o colexio de Curtis informou o Concello de que un dos alumnos dera positivo en covid. Nese momento informouse a familia de que tiñan a obriga de confinarse xunto ao neno, pero, segundo denuncia o Concello, non o fixeron.

Javier Caínzos, alcalde de Curtis, asegura que "esta familia non está a respectar o confinamento, vense de paseo na rúa, no supermercado e mesmo en instalacións municipais". Despois da denuncia, a Garda Civil extremou a vixilancia sobre o domicilio da familia.

A lei de saúde de Galicia, en vigor desde o 27 de febreiro, establece que saltar a corentena é unha infracción grave, con sancións de entre 3000 e 60.000 euros.

"Iniciaremos expediente de sanción, pero o que máis nos preocupa é que calquera persoa que dea positivo, nesta e en todas as familias, ten que gardar o confinamento", di Caínzos.

Unha preocupación que comparten os veciños do concello. Entenden que se está a poñer en perigo a saúde e o esforzo colectivo de moitos.

Agardan que estas medidas sirvan para reconducir a situación e que non se espalle máis o virus, agora que só hai 3 casos activos en Curtis grazas ao sacrificio e a responsabilidade da maioría.

Noticias web

12/03/2021