CRTVG

Buscar

O concello de Coirós proba unha arma para neutralizar niños de 'velutinas' inaccesibles

Publicado o 09/10/2020 13:21

Operarios do Seaga neutralizaron máis de 13.000 niños de 'velutina' desde que se activou o plan de loita contra esta especie a finais de xaneiro. Un dos hábitats preferidos pola avespa asiática son as marxes dos ríos porque precisan moita auga para a súa supervivencia.

Por iso no concello de Coirós, localizado entre o Mandeo e o Mendo, rodeado de monte e plantacións de eucaliptos, hai numerosos niños. Para eliminar o maior número deles, o concello recorreu a un experto no control desta praga e membro de Protección Civil de Cambre: Lolo Andrade.

O problema é que moitos deses niños están en lugares inaccesibes, como esta árbore de máis de 40 metros de alto. Por iso decidiron probar cun novo método infalible: unha arma con mira telescópica, chegada de Italia e que Lolo xa leva utilizando desde hai tempo.

Antes Lolo empregaba pistolas de 'paintball', pero a máis de 20 metros de distancia non eran precisas. Con esta arma dispón de maior alcance e os resultados son óptimos.

A imposibilidade de facer o traballo de prevención co trampeo durante a primavera por mor do confinamento impediu que se eliminaran as raíñas cando saen da hibernación. Por iso este ano notouse un incremento do número de niños e da poboación de 'velutinas' en toda Galicia.

Noticias web

09/10/2020