CRTVG

Buscar

O Concello denuncia as pintadas dun grupo de artistas urbanos no campo de fútbol de Cambados

Publicado o 28/04/2021 14:35

A gravación do videoclip dun grupo de artistas urbanos acendeu a polémica en Castrelo. Os cantantes accederon ao campo de fútbol da parroquia cambadesa para rodar a peza audiovisual do seu último tema. O problema xurdiu cando unha das paredes do recinto apareceu pintada co nome do grupo.

Dende o Concello decidiron denunciar os feitos, non tanto pola gravidade, senón por como se fixeron as cousas. Non pediron permiso para acceder ás instalacións, realizar as pintadas nin para gravar o vídeo. Queren evitar que esta acción se tome como exemplo e que a xente comece a acceder ás instalacións sen permiso. 

Pola súa banda, os integrantes do grupo rexeitaron facer declaracións e contar a súa versión dos feitos, pero o que si fixeron foi borrar o vídeo das súas redes sociais. 

Os veciños da zona condenan estes feitos, que consideran unha falta de respecto cara a algo que é de todos. Esta actuación pode levar este grupo de artistas urbanos a ser sancionados por unha infracción administrativa.