CRTVG

Buscar

Boborás pasa o próximo luns ao nivel máximo de restricións

Publicado o 05/03/2021 21:19

O concello de Boborás ten a día de hoxe catorce casos activos nunha poboación de 2.200 veciños. Iso supón unha incidencia a catorce días que supera os cincocentos casos por cada cen mil habitantes. É por iso que aquí a partir do luns establécense as medidas máximas de restricción, o que vai supor que se restrinxa a mobilidade, que se prohiban as reunións entre non conviventes, e que as cafeterías volvan pechar as súas portas.

Aquí chegaba hoxe a noticia de que os 14 casos activos disparaban a incidencia de Boborás por riba dos cincocentos casos por cada cen mil habitantes.

"Nun único día duplicáronse o número de casos, entón claro, ao final as matemáticas son exactas e neste caso están así limitadas as restricións. Entón pois era esperable agora mesmo. Hai dous ou tres días non o esperabamos", di Patricia Torres, alcaldesa de Boborás.

Resignación entre os veciños, que a partir do luns entran no nivel máximo de restricións.

"A xente non termina de entender que isto non é unha broma, que hai que tomalo como o que é: é algo moi serio".
"As medidas reláxanse e volvemos estar na mesma".

Quedarán perimetrados, sen reunións con non conviventes e coa hostelería pechada.

"Estabamos pechados, abrimos dous días e volvemos estar pechados, entón, non é nada fácil...".
"Nós seguiremos atendendo para levar e facendo cafés e vendendo tabaco".

Esta mesma tarde oitocentos veciños foron convocados para un cribado.

"Se hai algo polo menos tratar de curalo e de non infectar a ninguén".

Dende alí os sanitarios pedían non baixar a garda.

"Os sanitarios facemos un chamamento a que por favor se sigan a cumprir as medidas: a distancia, a máscara, a hixiene de mans... É moi importante que manteñamos que as nosas relacións sexan co mesmo círculo", di Ana Gómez, coordinadora dos cribados na área sanitaria de Ourense.

Canda o de Boborás, outro concello ourensán pasa o luns ao nivel máximo de restricións, é o da Mezquita, tamén alí os casos rexistrados nos últimos días sitúan a incidencia por riba dos cincocentos casos por cada cen mil habitantes.

Noticias web

05/03/2021