O Concello de Barreiros cede de balde espazo público para ampliar as terrazas dos negocios hostaleiros
Ante a reapertura da hostalería a partir do luns vindeiro, o Concello de Barreiros anuncioulles aos hostaleiros que lles brinda a posibilidade de ampliar as súas terrazas coa ocupación gratuíta de espazos públicos lindeiros cos establecementos.
Ana Ermida, alcaldesa de Barreiros: "Trátase de facilitarlles o uso de espazo municipal que teñan anexo aos seus locais. E se teñen a posibilidade de colocar terrazas en espazo privativo, que o poidan facer sen ningún tipo de trámite máis que a comunicación, para poder ter control das medidas sanitarias que poidan determinarse no seu momento".
As medidas van encamiñadas a favorecer a rendibilidade dun sector especialmente castigado pola pandemia, polo que están a ter boa acollida entre os hostaleiros.
Digna Irimia Valea, hostaleira: "Toda axuda é boa porque a necesitamos. Precisamos unha axuda moi grande porque os negocios están medio quebrados."
Ángel González, hostaleiro: "No caso meu téñoo fácil, porque teño espazo para onde ampliar terraza. Hai outros locais que non".
Este concello mariñao conta con máis dunha trintena de negocios hostaleiros.