CRTVG

Buscar

O Concello da Coruña recorrerá a sentenza que permite á familia Franco retirar bens de Meirás

Publicado o 05/05/2021 18:56
O Concello da Coruña recorrerá a sentenza que permite á familia Franco retirar bens de Meirás

O Concello da Coruña presentará un recurso contra a dilixencia xudicial sobre o pazo de Meirás que permite aos Franco a retirada de bens do seu interior, segundo informa. Ademais, a rexedora, Inés Rey, apunta que colaborarán coa Avogacía do Estado "en todo o que faga falta e coa documentación pertinente que certifique que o patrimonio interior do pazo pertence, igual que o edificio, a todas e todos os galegos"

A alcaldesa traslada o respecto ás posicións procesuais "de todas as partes", pero incide no "compromiso firme" do Concello en relación ao pazo de Meirás. Ao fío diso, argumenta que está constatado que "os Franco usurparon no seu momento unha propiedade pública coa lexitimidade dun réxime autoritario e que esa propiedade conta hoxe en día con obxectos de gran valor", entre as que alude, en particular, á biblioteca de Emilia Pardo Bazán e as estatuas do Mestre Mateo.

O Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña acordou conceder á familia Franco o prazo dun mes para a retirada "das cousas, bens ou obxectos" que hai no interior do pazo de Meirás, coa excepción daquelas que eventualmente se atopen nel por ser colocadas polo Estado após tomar posesión do inmoble. A letrada da Administración de Xustiza, na dilixencia de ordenación, contra a que cabe presentar recurso de reposición, requiriu tamén o Estado para que permita o acceso ao pazo dos profesionais que designe a familia Franco para poder efectuar a retirada dos bens.

A decisión adoptouna despois de que a Audiencia Provincial da Coruña fallara a favor da familia do ditador na súa demanda a este respecto ao revogar o depósito mobiliario a favor do Estado.