CRTVG

Buscar

O Concello da Coruña levará á Fiscalía o caso Fuenlabrada

Publicado o 23/07/2020 08:47
O Concello da Coruña levará á Fiscalía o caso Fuenlabrada

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey García, poñerá mañá en coñecemento do fiscal xefe da Audiencia Provincial os feitos relacionados coa viaxe do Fuenlabrada "por se fosen constitutivos de delito", despois de confirmarse que viaxou á cidade herculina con cinco membros contaxiados de coronavirus.

"Existen indicios do coñecemento por parte das persoas responsables da Liga Nacional de Fútbol Profesional da existencia de positivos no virus de membros do club Fuenlabrada antes de emprender a súa viaxe á cidade", sostén o Consistorio nun comunicado.

No escrito solicitarase da Fiscalía que se incoen dilixencias informativas para "aclarar" os feitos, pois, de ser certos os indicios, sinala, habería "unha conduta imprudente con risco exponencial para a saúde pública".

Así mesmo, o Goberno municipal indica que, de ser certa a existencia de tests positivos antes de iniciar o seu traslado para a realización do encontro na Coruña, "estaríase a incorrer por parte da Liga Nacional de Fútbol Profesional nunha conduta imprudente que puido provocar numerosos  contaxios a outros membros do equipo e ás persoas coas que tiveron contacto".

A alcaldesa solicita que a Fiscalía realice unha investigación e se lle solicite información á Liga Nacional de Fútbol Profesional sobre os resultados dos tests de coronavirus realizados aos xogadores do Fuenlabrada antes do partido previsto para o 20 de xullo de 2020, con indicación da data en que se efectuaron e a data en que llos comunicaron á liga.

Ademais, pedirá que investigue a "ausencia de comunicación" por parte da liga de Fútbol Profesional dos contaxios ás autoridades sanitarias de Madrid e Galicia.

Inés Rey considera que "os indicios e feitos" que se van coñecendo "acreditan un comportamento absolutamente imprudente e neglixente por parte da LFP, que creou un risco sanitario evidente ao non comunicar inmediatamente o foco de contaxio existente no Fuenlabrada, e impediu que se adoptasen as medidas de illamento por parte das autoridades sanitarias".

En definitiva, a rexedora espera que se aclaren os feitos e se depuren "as responsabilidades" que poidan derivarse deste comportamento por parte das persoas responsables do fútbol profesional.