CRTVG

Buscar

O Concello da Coruña deberá indemnizar con máis de 14 millóns os expropiados polo Castro de Elviña

Publicado o 13/03/2019 15:36

O Concello da Coruña deberá indemnizar con máis de 14 millóns e medio de euros os propietarios dos terreos expropiados no Castro de Elviña na etapa do goberno socialista. O Partido Popular acusa a Marea Atlántica de ocultar esta sentenza por intereses electoralistas. 

A sentenza xudicial é agora firme e o Concello deberá facerlle fronte ao pagamento de 14 millóns e medio de euros, contando os intereses, que os afectados reclaman de inmediato.

Juan Santos, avogado: "Esta xestión está arruinando as arcas municipais en prexuízo dos cidadáns e dos propietarios que se viron privados pola forza dos seus terreos".

O Partido Popular acusa o goberno da Marea Atlántica de ocultar esta sentenza co acordo do Partido Socialista por intereses electorais. Desde o Goberno local din que levan catro anos respondendo da xestión urbanística nos anos 90. Mentres, desde o PSOE rexeitan valorar este asunto. 

Xiao Varela, concelleiro de Urbanismo: "É a oposición das mentiras e de intentar enlamar o campo de xogo. Nós levamos catro anos sendo moi críticos coa xestión urbanística do Partido Socialista".

Rosa Gallego, PP: "Hai un pacto de despachos para esconder todas as chapuzas urbanísticas do Partido Socialista durante anos nesta cidade e agora temos que facerlle fronte a unha herdanza de 14 millóns e medio de euros que encontraría enriba da mesa o Goberno que saia das urnas".

O Partido Popular decidiu convocar para mañá a Comisión Municipal de Transparencia para abordar este asunto.

Noticias web

13/03/2019