O Compostela rexeita que a RFEF non asuma responsabilidades do que poida suceder nos play-off de ascenso
Os equipos de Terceira que van xogar polo ascenso a Segunda B asumen estritos procolos pero a última circular da Federación española de fútbol déixalles dúbidas e inseguridade.
A Federación desenténdese de calquera responsabilidade que derive da situación sanitaria e sublíñao por escrito nun documento que debe ser asinado por cada club.
Manu Castiñeiras, S. D. Compostela: "Se hai un contaxio dun futbolista ou familiar e se agrava a situación, que a responsabilidade sexa do club pode xerarnos un problema".
O Arousa non ve ese problema e xa asinou o documento.
Rodrigo Lojo, Arousa S. C.: "Nós xa asinamos, xa estamos inscritos no play-off. Dixeron que a responsabilidade era compartida e cremos que está a ser así".
A circular tamén di que os xogadores deben absterse de facer vida social, tanto en periodo de adestramentos como en competición.
Castiñeiras: "Podemos pedirlles aos xogadores que non fagan vida social, pero se teñen o seu traballo non o van deixar cincuenta días para xogar un play off".
Lojo: "É unha recomendación de sentido común, dentro do que establece o BOE, que non se poden reunir máis de dez persoas".
Castiñeiras: "O protocolo está moi ben pero os equipos de Terceira teñen moitas limitacións como para cumprir ó cen por cento"
O Compostela estase a asesorar legalmente pero xa prevé que a próxima semana se somete ós test e á seguinte empezan os adestramentos. Compostela, Arousa, Ourense C. F. e Barco xogarán en xullo por unha praza na Segunda B.