CRTVG

Buscar

O Compos métese na final da fase de ascenso tras remontar e golear o Terrassa (3-0)

Publicado o 11/06/2018 16:47

O único equipo galego que segue con vida nas fases de ascenso é o Compostela. E segue adiante... grazas a unha remonta espectacular.

Había que remontar 2 goles ante o Terrassa e o Compostela logrouno. Marcou tres tantos nun estadio de San Lázaro con case 4.000 seareiros. A afección non fallou e o equipo tampouco. A 2ª B está a dous partidos. Esta tarde coñecerá o seu último rival. 

Foi unha partida de xadrez xogada con mestría e moito senso polo Compostela. Medindo tempos, e afinando con precisión de luthier, o equipo santiagués foi queimando etapas e aos trece minutos marca Abelleira. remata un balón cuspido polo pau a onde o mandara Rubén. Comezaba a fazaña.

Consecuencia directa do un a cero foi a entrada en pánico do Terrassa que se mete atrás con un de vantaxe. Protexendo a súa retagarda para evitar un gol maligno o Compos seguíu marcando o ritmo preciso e a un minuto do descanso empata a eliminatoria: cabezada de Primo dando remate ao centro medido de Álex Ares dende o recanto. A eliminatoria quedaba a pre e o Terrassa baixaba á caseta noqueado. Co partido xa nos primeiros minutos do segundo tempo, a mais non pasar catro da reanudación, o gol definitivo novamente asinado por Primo nun contragolpe de libro dos compostelás. O gol que mataba ao Terrassa dando azos ao Compostela para seguir soñando.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/06/2018