CRTVG

Buscar

O Compostela derrota o Barco (3-1) e pasa á final polo ascenso a 2B

Publicado o 18/07/2020 22:04

O Compostela cumpriu cos prognósticos e clasificouse para a final de ascenso a Segunda B tras impoñerse ao Barco por tres a un nun partido no que os santiagueses foron superiores.

E iso que foi o Barco o primeiro en disparar aos cincuenta segundos nunha falta executada polo seu especialista David. A que respondeu Primo nunha boa acción combinativa estragada por Oviedo.

Esta xogada sería o prólogo do primeiro tanto do encontro. Bicho fai un cambio de orientación ás costas da defensa ourensana que aproveita Jimmy para facer o un a cero. O lateral tivo o regalo soñado polo seu trixésimo terceiro aniversario.

Nove minutos despois, os santiagueses aumentarían a súa vantaxe nun córner rematado por Primo que encarrilaba o encontro para o conxunto compostelán. Os de Iago incluso dispuxeron doutra boa ocasión para pechar o encontro nunha acción de Bicho rematada por Miki e rexeitada por Oviedo.

Non marcou o Compostela, pero si o faría o Barco no último minuto da primeira parte con este gol olímpico convertido por David. Gran golpeo do xogador berciano que volvía meter ao seu equipo no partido. O Compostela saiu decidido a sentenciar o encontro á volta do descanso, pero Oviedo esbaratou as intencións de Miki.

E cando o encontro celebraba o engadido, Gabri Palmás pechou a vitoria santiaguesa co terceiro tanto e clasificaba aos santiagueses para final. Ourense ou Arousa serán o seu rival.

Noticias web

18/07/2020