CRTVG

Buscar

Telexornal Mediodía

O comportamento de Quezada obedeceu a un macabro plan criminal

Publicado o 16/03/2018 14:59
Almería non quere esquecer a Gabriel Cruz. Por iso, fixéronlle un altar improvisado no peixe máis grande da cidade. Está situado na desembocadura da Rambla, alí onde se une a terra co mar. "A Balea", chámalle. Decorárono con ducias de debuxos, flores e bonecos de veludo. Mentres, a súa presunta asasina pasou a primeira noite na cadea con normalidade. O xuíz instrutor considera que Ana Julia Quezada actuou guiada por "unha malvada vontade para asegurar o seu macabro plan criminal. Así o destaca no auto que acusa a Quezada de delitos de asasinato, detención ilegal e contra a integridade moral. O maxistrado Rafael Soriano destaca a existencia de abafantes probas contra Ana Julia e refírese non só a que ela mesma recoñeceu os feitos, senón tamén ás probas recabadas. O auto di que resulta presuntamente incuestionable a participación da detida na morte do menor, que é o que motivou que a Fiscalía cualifique os feitos como asasinato con aleivosía. Tamén di que como parte dese "macabro plan criminal", tentouse dotar dunha coartada, e resalta como "deu unha falsa aparencia de preocupación pola desaparición e sorte do neno", ao que levou a un lugar apartado e illado "mediante engano ou promesa de devolvelo prontamente a xogar". "Mantivo o engano ao longo dos días, aumentándoo ata o punto de colocar ela mesma unha camiseta do menor no monte", subliña, todo por mor do seu desexo de "despistar os axentes que investigaban" ata atopar o momento de poder facer desaparecer o corpo. O maxistrado apunta que Ana Julia Quezada aproveitou que estaba a soas co neno para esganalo, e destaca que enterrou o seu corpo sen vida nun foxo que previamente fixera cunha pa.
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí