CRTVG

Buscar

O complexo labor de conciliación das campioas de rugby

Publicado o 01/04/2019 21:18

Laura xoga ao rugby desde hai 10 anos. É medio melé no campión de Liga. Compaxina o deporte co seu traballo de depedenta nunha tenda de material deportivo. Fáiselle curto o día: "Con 30 horas igual me apañaba mellor. É complicado e faise duro. Cando chega a fin de semana xa non podo máis. Teño as olleiras ata a boca. Teño que traballar, teño que estudar, teño que adestrarme e, ao final, faise moi pesado".

O CRAT adéstrase por espazo de dúas horas, tres días á semana. Na fin de semana é o momento dos partidos. Elsa, central do equipo, traballa no ximnasio da Universidade da Coruña desde hai dous anos. Non sempre pode adestrarse coas compañeiras: "Teño que velo aquí, desde a ventá. É unha arma de dobre fío. Podes velas adestrarse e podes ver cales son os exercicios que imos traballar e eu mirando desde aquí. Pero non che dá de comer o rugby. Dáche de comer o traballo".

Alicia pasa boa parte do seu tempo libre na estrada entre A Coruña e Lugo, onde estuda o último curso de Veterinaria e fai prácticas no laboratorio de farmacoloxía. Xoga de talona e, como a todas, o rugby cústalle cartos: "Fixen as contas un día e foi case depresivo. Non sei. Moitos cartos e moito tempo. Cos cartos o que fago cando acaba a temporada é tentar aforrar e sacar de onde non hai para pagar a ficha e os transportes".

O club págalles a metade da licenza e a outra parte descóntana con traballos como o pintado das liñas do campo ou a visita a centros escolares para a captación de xogadoras. En España, aproximadamente unha de cada dez pode vivir do rugby. Non é o caso das campioas de liga.

Noticias web

01/04/2019