CRTVG

Buscar

O Complexo Hospitalario de Vigo secuencia unha nova variante brasileira da covid

Publicado o 06/09/2021 14:38

O P 1-8 é a nova variante brasileira da Covid que acaban de secuenciarse en Vigo. Este virus presenta moitas mutacións e características especiais, non máis graves que o virus Delta, que é o que atopan no 97% das secuenciacións que fan no Cunqueiro. De feito, a día de hoxe hai só 108 casos descritos no mundo, 90 deles no Brasil.

O caso de Vigo detectouse nunha muller que fixo unha viaxe de traballo. O importante é que, amais de detectar o caso, tamén controlaron a súa expansión. Segundo Benito Regueiro, xefe do servizo de Microbioloxía do Chuvi, "estes virus teñen unha característica, que é que poden pasar aos ratos e roedores, é dicir, que non só son virus humanos, senón que teñen estoutra posibilidade, algo que é importante a hora de vixiar o que se chaman os reservorios do virus". 

O doutor Regueiro amósase confiado de que esta quinta onda estea xa superada, pero alerta de que non hai que baixar a garda e vixiar as variantes, porque o virus está aprendendo continuamente. "O que estamos todos a esperar é que no futuro, variantes que se chaman de escape da vacina, terminen aparecendo na propia dinámica do virus. Necesitaría máis de vinte cambios, pero ao final acadaraos. É dicir que temos que estar preparados, e a solución será cambiar a vacina".

O departamento de Microbioloxía do Complexo Hospitalario de Vigo artellou un potente sistema de vixilancia para secuenciar as novas variantes da Covid. Foron os primeiros en detectar a surafricana e a delta, e outras de orixe colombiana, nixeriana e india.

Noticias web

06/09/2021