CRTVG

Buscar

O comité de Alcoa reúnese co Ministerio para reclamar unha "intervención temporal"

Publicado o 03/06/2020 15:09

O comité de empresa de Alcoa San Cibrao (Lugo) reúnese este mércores 3 de xuño de forma telemática co secretario do Ministerio de Industria, Raúl Blanco, a partir das 16:00 horas, para reclamar unha "intervención temporal" da compañía co fin de garantir a súa "viabilidade a longo prazo".   Zan aclarou que a esta xuntanza non acudirán os representantes dos traballadores das empresas auxiliares, porque non deu permiso a dirección de Alcoa.

O presidente do comité da fábrica de San Cibrao, José Antonio Zan, remarca que a petición que se vai a trasladar ao Ministerio de Industria é a que "defendeu" o vicepresidente do Goberno, Pablo Iglesias, de "buscar unha intervención temporal da empresa" co fin de que se manteña o "100 % do emprego" e a súa "produtividade", unido á necesidade dunha tarifa eléctrica estable.

Piden que se abra canto antes a mesa polo emprego de Alcoa. Zan apunta que só tiveron "unha reunión en xaneiro" e que é "onde se teñen que tratar estes temas".

Ademais, mañá haberá unha reunión ás 12h onde terá presenza un representante por cada sindicato, un economista e un avogado, segundo indican dende o Comité de Alcoa. E as 14 horas teán unha xuntanza co conselleiro de Industria porque "creemos que a Xuntata ten que posicionarse a favor noso, volver esixir o que dixo o vicepresidente do Goberno<. que unha intervención pode ser posible", insistiu o presidente do comité de empresa de Alcoa-San Cibrao.

No tocante á transcendencia que poida ter a reunión desta tarde, din que "teñen as ideas claras", despois de "dous anos de loita". "O sector primario vai ser esencial para que o sector servizos, hospitais e médicos poidan ter un bo funcionamento e unha economía para saír adiante. Cremos que somos moi necesarios. Agora queremos saber se o Goberno aposta por isto", indica José Antonio Zan, presidente do Comité de Alcoa.

Teñen claro que a saída pasa por 3 vías: "O mantemento do 100% dos postos de traballo, co 100% da produción, un marco enerxético estable a longo prazo e que sexa competitivo, e a terceira é que se obrigue nun estatuto a que se fagan uns investimentos e uns plans de viabilidade"

Os representantes dos traballadores chegan a este encontro con varias mobilizacións nos últimos días cun gran apoio dos veciños da Mariña, con accións que levaron ao corte da autovía A-8 e a entrada e saída da fábrica de Cervo. De feito, preparan unha manifestación para o vindeiro domingo, na que o Goberno "vai saber realmente co que está a xogar".  

E é que Zan censura que o Ministerio de Industria "cometeu un erro moi grave, e a pelota xa non está no seu tellado, a pelota está no tellado de Pedro Sánchez" que debe achegar unha solución, ao seu xuízo.  

Zan remarca que este é un sector industrial "estratéxico" para o país, pois "non pode haber unha transición ecolóxica e enerxética sen a industria do aluminio", xa que é clave "para sectores básicos como aeronáutica e automoción" e mais para os de alimentación e farmacéutico. Lembra que Alcoa foi a "primeira empresa" en ser declarada esencial durante o estado de alarma. 

Pola súa banda, a ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, instou o martes de novo á Xunta de Galicia a que exerza as súas competencias en materia industrial no canto de "buscar culpables" ante un posible peche de Alcoa en San Cibrao (Lugo) e pediulle lealdade institucional para manter o emprego industrial na rexión.

Para o presidente da Xunta as electrointensivas galegas son unha industria esencial. Segundo Alberto Núñez Feijóo, é un erro expulsar estas empresas do nos tecido económico e di que"sería un grave erro que como consecuencia de políticas enerxéticas ideoloxizadas esteamos perdendo unha industria esencial no presente e no futuro de calquera país europeo".  

Tamén houbo referencias á situación de Alcoa no pleno do Congreso. Foi durante o debate sobre a sexta prórroga do estado de alarma. Pedro Sánchez asegurou que leva recibido 38 millóns de euros a cambio de manter os empregos e que espera contar co apoio da Xunta para busscar unha slución coa empresa.


Máis sobre Cervo