CRTVG

Buscar

A Ribeira Sacra, seleccionada para ser Reserva da Biosfera da Unesco

Publicado o 18/11/2020 16:57

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, anunciou hoxe no transcurso dunha visita ao municipio de Chantada que o comité español da Unesco deu "luz verde" á "candidatura da Ribeira Sacra, Serras do Oribio e Courel" para Reserva da Biosfera.

Segundo explicou a conselleira aos medios de comunicación, das cinco candidaturas que foron presentadas, o comité español da Unesco só seleccionou "a galega", que agora terá que superar un último chanzo "en 2021".

"É unha moi boa noticia", dixo Vázquez, quen tamén confía en que 2021 sexa "un bo ano" e esa candidatura consiga a declaración definitiva.

Ademais, a conselleira destacou que a decisión do comité español, conforme ao informe presentado en decembro de 2019, tomouse por "unanimidade de todos os seus membros".

A decisión estivo avalada, ademais, polo "informe exhaustivo e rigoroso do comité científico".

De obter esta declaración, a Ribeira Sacra converterase na sétima Reserva da Biosfera de Galicia.