O comité de empresa di: “Parece que o Goberno e Alcoa foron a reunións distintas”
• A Xunta cre que a SEPI debe participar no proceso de venda
• Alcoa comprométese a desbloquear a venda da factoría de San Cibrao

O comité de empresa da planta de Alcoa en San Cibrao opina que os resultados da reunión que este luns mantivo a ministra de Industria Reyes Maroto co CEO da multinacional Roy Harvey "deixan moito que desexar", porque ao saíren do encontro a avaliación que ambas as partes fixeron foi "moi diferente".
"Parece que estiveron en reunións diferentes", dixo o presidente do comité de empresa José Antonio Zan en declaracións á axencia EFE.
Recoñeceu que aos traballadores do complexo industrial mariñán non os tranquiliza o feito de que "por unha banda digan unha cousa e pola outra outra", porque mentres o Ministerio de Industria daba por desbloqueada a negociación, Alcoa aclaraba que a empresa non se comprometeu a negociar directamente cun terceiro e insistía na conveniencia da participación da SEPI na operación.
"Esperemos que esta semana, que a ministra segue nos Estados Unidos, poida haber algún contacto máis entre as partes", dixo Zan.