CRTVG

Buscar

O comité de Ferroatlántica avisa da parada de unidades produtivas

Publicado o 29/01/2020 11:03
O comité de Ferroatlántica avisa da parada de unidades produtivas

O comité de empresa de Ferroatlántica Cee-Dumbría Centrales Hidroeléctricas solicitou unha reunión co conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, para trasladarlle a súa preocupación pola decisión da compañía "de parar unidades produtivas" na fábrica ceense.

Segundo informa este mércores a representación social, no devandito encontro tamén pedirán ao conselleiro elaborar conxuntamente un plan de viabilidade que garanta o mantemento da actividade industrial e de todos os empregos nas fábricas de Cee e Dumbría, unha proposta que xa lle trasladou a representación social o pasado verán.

Foi entón cando se coñeceu a compra por TPG Sixth Street Partners do 100 % de Ferroatlántica, sociedade participada nun 55 % por Ferroglobe -do Grupo Villar Mir-, por 170 millóns de euros.
Ademais, o comité de empresa acordou por unanimidade convocar unha concentración diante do Concello de Cee este venres, 31 de xaneiro, ás 19.30 horas, coincidindo co debate de votación no pleno municipal dunha moción para instar o Goberno central á aprobación inmediata do estatuto do consumidor electrointensivo e á Xunta a que esixa o plan de viabilidade á nova xerencia da empresa.

A representación social advirte, nun comunicado, de que Ferroatlántica SAU anunciou a parada do forno 13, alegando a baixa demanda e o alto prezo de produción, mentres se anticipa o arranque doutras unidades produtivas de similares características noutras plantas do Estado.

Para o comité, esta decisión é "consecuencia directa" da venda do complexo industrial e das centrais, que deixou ás fábricas da Costa da Morte fóra do Grupo FerroGlobe "pero supeditadas ás súas directrices", xa que establecen "o custo e a calidade da materia prima", aseguran.

"Ante as consecuencias sobre o emprego que poida ter a parada de unidades produtivas e a incerteza que provoca a falta dunha tarifa industrial estable, predicible e competitiva", o comité reclama á Xunta que obrigue a Ferroatlántica a presentar un plan de viabilidade para garantir a continuidade da produción.