CRTVG

Buscar

Os comités de Ferroatlántica instan a empresa a que remita á Xunta a oferta de compra

Publicado o 05/06/2019 13:07

• Existe incerteza sobre o futuro da planta de Sabón, con dous fornos apagados e un ERE temporal pendente de executarse

Presidente do comité de empresa: "Quen ten a última palabra é a Xunta, que a empresa presente o contrato de venda e que decida se é legal"

Os traballadores de Ferroatlántica instan o grupo de Villar Mir a que remita á Xunta de Galicia a oferta de compra que lle fixo un fondo de investimentos americano polas plantas de Cee e de Dumbría, para aclarar así se a operación é legal ou non. Polo momento, manteñen as súas reservas ante a posible venda.

Segundo o contrato que teñen apalabrado, TPG comprométese a arrancar todos os fornos de Cee e Dumbría a finais de xullo e a investir 15 millóns de euros nas plantas nos próximos cinco anos. Pero o acordo inclúe outras condicións que non convencen os traballadores: o grupo de Villar Mir sería o único provedor de materia prima para as fábricas, e tamén o comprador exclusivo da súa produción.

Santiago Paz, comité de empresa Ferroatlántica Cee-Dumbría: "Iso pois é un alugueiro en toda regra".

Sospeitan que podería ser unha operación encuberta para segregar as centrais hidroeléctricas dunhas fábricas que quedarían como simples subcontratas.

Santiago Paz, comité de empresa Ferroatlántica Cee-Dumbría: "Nós o que lle dixemos foi que presentasen o contrato de venda na Xunta e entón a Xunta decidirá se a venda é legal ou non é legal. E despois chegar a un acordo co comité".

Pero, polo momento, os interesados aínda non remitiron o acordo á Xunta.

Francisco Conde, conselleiro de Economía e Industria: "Esperamos que haxa esa resposta de responsabilidade por parte de Ferroglobe e, ao mesmo tempo, esperamos que o comprador asuma todas as esixencias que abarcan as concesións".

Os traballadores de Cee e Dumbría celebran mañá unha asemblea.