Protesta en Navantia con barricadas para reclamar carga de traballo

O persoal de Navantia Ferrol e das compañías auxiliares que permanecen nas instalacións volveron reclamar carga de traballo nunha concentración, con barricadas, ás portas do estaleiro. Piden a contratación inmediata dun buque do tipo AOR que sirva de "ponte" ata a chegada das fragatas F-100 da Armada Española.
"Estamos a tocar fondo e pensamos que xa é o momento de engalar. Temos un problema global no ámbito comarcal de falta de oportunidades laborais, onde as cifras de paro son asfixiantes e estamos situados no peor lugar de todo o Estado español", manifestou o presidente do comité de empresa, Emilio García Juanatey (CCOO).
Canto á planificación para iniciar a construción das futuras fragatas, salientou que "a planificación continúa tal e como estaba prevista" cun pequeno atraso "por un tema do radar, no que nada ten que ver Navantia, xa que é un elemento que entrega o cliente".
Malia que nun primeiro momento o persoal tiña previsto saír do estaleiro en manifestación e trasladarse ata a sede de Facenda en Ferrol, finalmente, decidiron realizar a acción de protesta no seu recinto industrial.
Traballo para "máis de dez anos"
Tras a mobilización, fontes de Navantia aseguraron que o estaleiro está entregado ao programa das F-110 que "suporá carga de traballo para máis de 10 anos". Ademais, subliñaron que "todas as unidades de negocio nos estaleiros da ría de Ferrol están a traballar, coa excepción de produción," na antiga Bazán.
Así mesmo, insisten en que no departamento de Enxeñaría "están a traballar 200 persoas", entre persoal propio e de auxiliares, e outras desenvolven actividades en programas de países como Noruega, Turquía ou Australia.