Alcoa e os traballadores acordan negociar a venda da factoria á SEPI
O comité de empresa de Alcoa San Cibrao informou de que este luns acordou coa multinacional "a proposta definitiva" para reiniciar as negociacións para a "venda" da planta de aluminio á Sociedade Española de Participacións Industriais (SEPI).
En principio, esa proposta só fai referencia á planta de aluminio, non á de alumina, como expuña o propio comité na súa última contraproposta, trasladada a finais da semana pasada á dirección de Alcoa.
Alcoa comprométese a remitirlle á SEPI, ou alternativamente ao Ministerio de Industria, unha proposta "de termos xerais" para iniciar a negociación "non máis tarde de dúas semanas a partir da firma deste acordo". Alcoa comprometeuse co comité de emprea a enviarlle á Sepi no prazo de dúas semanas a súa proposta, a partir da cal empezarán de novo a negociar.
A cambio, os traballadores aceptan levantar a folga indefinida que mantiñan desde o pasado catro de outubro. A negociación durará como máximo tres meses. "As condicións xerais pódense pechar nun día. Logo pasaremos a outra fase en que terán que visitar e revisar a planta. E o acordo final debe chegar antes da Semana Santa", explica José Antonio Zan, presidente do comité de empresa.
Engade que "a decisión final sobre a venda será" de Alcoa, pero a multinacional tamén se compromete a "negociar de boa fe coa SEPI e a manter a continuidade da produción" no "complexo de San Cibrao, que inclúe tanto a planta de aluminio como a refinería de alumina".
Mediante un comunicado, o comité informa de que Alcoa tamén se compromete a informar da "evolución do devandito proceso" a representación dos traballadores, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria a través dunha mesa multilateral que se reunirá unha vez ao mes.
Así mesmo, ese acordo tamén garante que o complexo contará con "recursos adicionais" para o seu mantemento e para responder ás "necesidades produtivas" e organizativas do complexo industrial, tanto da refinería de alúmina como da planta de aluminio primario.
Ademais, poñerase "en marcha" o proceso de incorporación dos traballadores temporais ao persoal, sempre que cumpran os requisitos do acordo asinado o 28 de febreiro de 2019 entre os sindicatos e a propia dirección da empresa.
Con respecto ás cubas que seguen funcionando a día de hoxe, serán paradas "soamente as cubas de emerxencia", entendendo como tales aquelas "que impliquen un risco potencial para a seguridade das persoas ou a instalación".
Outro dos compromisos que recolle o acordo pasa por manter "un número de cubas activas por encima do límite técnico en ambas as series, procedendo en caso necesario ao rebrascaxe e reparación das mesmas" ou, no seu caso, á súa "substitución".
Ambas as partes acordan, de feito, realizar un "seguimento" dese punto do acordo a través de "reunións específicas" na planta.
Por outra banda, Alcoa comprométese a non adoptar "ningunha nova medida extintiva de carácter colectivo, sustentada nas mesmas, similares ou diferentes causas" ás argumentadas "no expediente impugnado e que se atopa pendente de recurso de casación".
Ese acordo contempla a suspensión da folga indefinida que comezou o pasado 4 de outubro e que, segundo cálculos da propia multinacional, provocou perdas por valor de máis de 10 millóns de euros, dado que non saíu aluminio do complexo industrial mariñán desde esa data.
Así mesmo, o comité comprométese a manter "a paz social" durante a "vixencia do presente acordo".
Ademais, "co fin de retomar a normalidade das relacións entre a parte social e o grupo Alcoa Inespal, as partes comprométense a reactivar con carácter inmediato o diálogo e os acordos produto do mesmo nas diversas comisións específicas e por materias que teñen constituídas".
O acordo estará en vigor ata o día 30 de abril de 2021, salvo que "ambas as partes acorden por escrito modificalo ou estender os seus efectos".
A proposta será agora sometida a referendo entre os traballadores do complexo industrial de San Cibrao durante tres días -19, 20 e 22 de xaneiro-.