CRTVG

Buscar

O comité de empresa di que o Goberno non quere que a SEPI interveña Alcoa

Publicado o 17/06/2021 17:20

O comité de empresa de Alcoa en San Cibrao informou de que os representantes do Goberno de España confirmaron na reunión de seguimento do proceso de venda da fábrica de aluminio primario, que tivo lugar este mediodía, que a SEPI non vai entrar na operación.

"Na reunión de hoxe, un representante do Goberno comunicounos que non está disposto a meter a SEPI na operación para a venda da planta de aluminio de Alcoa", dixo o presidente do comité, José Antonio Zan, aos medios de comunicación.

Tras este anuncio, os representantes dos traballadores pediron unha reunión "urxente" co "vicepresidente da Xunta e a ministra de Industria".

"Por parte da Xunta xa nos dixeron que non teñen problema, estamos a esperar a que a ministra poña a data", dixo  Zan, acompañado por outros membros do comité de empresa.

Segundo dixo, "é moi importante que a SEPI entre, porque é a garantía de que Alcoa non vai facer o mesmo que fixo coa Coruña e Avilés". "Pero tamén é moi importante que entre porque ten que verificar que todo o proceso é real, e ten que decidir quen se fará finalmente coa planta", precisou no comunicado aos medios.

"A única solución é que a SEPI garanta que a fábrica se vai a vender a unha empresa industrial, unha empresa do sector. Que coñeza o que é a industria e o que son os traballadores desta industria", insistiu.

Asegurou que os traballadores non van baixar "os brazos" e van seguir "loitando" para que o Goberno cumpra o mandato do Parlamento de Galicia e do Congreso dos Deputados, que é unha "intervención pública temporal" da planta para a súa venda a un terceiro. 

 

 

Noticias web

17/06/2021