CRTVG

Buscar

O comité de empresa de Alcoa en Lugo pide unha reunión urxente coa ministra

Publicado o 23/10/2019 12:38

O comité de empresa da factoría que a multinacional Alcoa ten na Mariña envioulle un escrito á ministra de Industria, Reyes Maroto, para solicitar unha reunión urxente con ela, tendo en conta que se comprometeu a fixar un encontro para mostrar os avances no estatuto de empresas  electrointensivas a mesma semana da súa visita á fábrica, pero de momento esa convocatoria non se produciu.

En declaracións a Efe, Xosé Paleo afirmou que o anuncio que fixo Alcoa a semana pasada sobre peches e vendas de fábricas en todo o mundo situou o centro de traballo de Cervo nunha situación de "emerxencia", porque aínda que a multinacional aínda non puxo "nomes" sobre a mesa, o comité opina que a factoría da Mariña "está no disparadeiro" polo elevado prezo da enerxía.

"Na fábrica os ánimos están polo chan e a xente está moi nerviosa", recoñeceu Paleo, que opina que o Executivo ten que "tomar medidas xa", antes mesmo "da conformación do novo Goberno", o que sairá das eleccións do próximo 10 de novembro, porque "a situación é de emerxencia".

En canto á batería de medidas para rebaixar o prezo da electricidade que a Xunta de Galicia pretende introducir no debate político a través dos diferentes grupos "ante a inacción do Goberno",  Paleo precisou que "son as mesmas que propuxeron todos os sindicatos" e que defende o comité de empresa para buscar unha solución.

Precisou, en todo caso, que "o importante non é presentalas", senón que os populares "as aproben" se chegan a gobernar ou que as apoien se é outro Goberno o que ten a responsabilidade de implementalas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí