CRTVG

Buscar

O comité de crise polo peche de Endesa reunirase o mércores en Santiago

Publicado o 18/01/2020 21:35

Os transportistas da central térmica das Pontes, que hoxe percorreron o último tramo do Camiño, marchan de Santiago cunha data para a reunión do comité de crise de Endesa. A xuntanza será o mércores

Percorren a pé os últimos quilómetros do Camiño de Santiago coa esperanza de poder facer moitos máis ao volante dos seus camións, dende hai meses estacionados por falta de traballo.

"Case nove meses parado de todo; financeiras, nóminas, seguridade dun social...", di un transportista. "Prometérasenos xubilarnos nisto, senón iso, pois ir afrontando o que se nos vén encima e poder pagar o que se debe", asegura outra empresaria.

Representan os 150 transportistas da central térmica das Pontes e con esta marcha reivindican unha "transición enerxética xusta". A paralización da actividade na factoría de Endesa deixounos xa sen emprego e con débedas importantes.

Carlos Cumplido, secretario xeral de FEGATRAMER, apunta que "os transportistas están sendo os primeiros pagadores dunha transición que se está facendo dunha forma radical e contraria aos intereses do empresariado galego".

Convencidos de que a central térmica e os seus empregos poden ser viables sen carbón, loitan para evitar o peche defintivo da planta en 2022. Pídenlles ás administracións compromisio na busca de alterntativas.

"O goberno central, a empresa e a propia Xunta teñen moito que dicir agora mesmo. A Xunta sobre todo polo tema dos lodos". "Sabemos e cremos que os lodos pode ser o futuro dos transportistas e da central térmica das Pontes", di Manuel Bouza, presidente da Asociación do Transporte do Carbón.

"Calquera fórmula vai ser ben recibida, pero o que non é de recibo é que se paralice a actividade de golpe, temos un período transitorio, outros países europeos están utilizando este período transitorio. Galicia non se pode permitir este luxo e España desde logo que tampouco", engade Carlos Cumplido.

Reclamacións coas que chegaron este sabado á sede do Goberno, en San Caetano, onde os recibiu o director xeral de Enerxía e o delegado provincial da Xunta. No encontro, "puxeron data para o comité de crise que será o mercores" e nel falarán do futuro.

Noticias web

18/01/2020