CRTVG

Buscar

O comité de crise das Pontes, cauto ante os compromisos de Madrid, continuará coas mobilizacións

Publicado o 03/10/2019 15:42

Hai que agardar. Esta é a premisa coa que saíron da xuntanza todos os colectivos que integran este comité de crise. Na mesa estaban representantes dos transportistas, das empresas auxiliares, dos comerciantes e do Concello. Canda eles o comité de empresa da central térmica. O obxectivo era avaliar o encontro que onte mantiveron en Madrid todos os sectores implicados polo cesamento da actividade na central das Pontes. A sensación é agridoce. Hai preocupación polo futuro do emprego e a repercusión que pode ter na economía da comarca. E ao mesmo tempo piden cautela á espera dunha resposta que poida darlle viabilidade á central térmica.

Agardan resposta ás demandas que levaron a Madrid. Alí, o Ministerio de Transición comprometeuse a estudar a proposta dos traballadores, que lle piden a Endesa manter a actividade da central das Pontes con combustibles alternativos ao carbón. E neste escenario, preocupa o emprego nas empresas auxiliares.

Os transportistas seguen pendentes dunha chamada con solucións específicas para este sector. Mentres, seguirán coas mobilizacións. O próximo mércores convocaron folga xeral no concello das Pontes e manifestaranse en Madrid.

Xuntanza do alcalde das Pontes en Bruxelas

O alcalde das pontes explicoulle o malestar que había na comarca e expúxolle as posibilidades de que a central térmica de Endesa siga funcionando con combustibles alternativos ao carbón, como podería ser a biomasa.

Ademais, Valentín González tamén solicitou que Galicia reciba parte dos fondos europeos destinados á descarbonización, o que suporía unha importante achega económica para a comarca. Malia que polo momento terán que agardar a que sexa nomeada a nova comisaria europea, o alcalde das Pontes asegurou que as propostas foron ben recibidas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

03/10/2019