CRTVG

Buscar

O Comité de Bioética propón prohibir a nivel internacional a xestación subrogada

Publicado o 19/05/2017 19:00

No documento, tamén propoñen sancionar as axencias que se dedican a levar a cabo este proceso

O Comité de Bioética propón prohibir a xestación subrogada en todo o mundo por considerar que supón explotación da muller e dano ao menor. As asociacións que a defenden en España din que é unha técnica máis de reprodución asistida, e que o que hai que facer é unha lei que evite calquera abuso.

O Comité de Bioética, adscrito ao Ministerio de Sanidade avoga pola prohibición universal da xestación subrogada. Considera que a decisión de ter un fillo non pode  realizarse á custa dos dereitos doutras persoas. Aseguran que o contrato de maternidade por substitución, medie ou non entrega de cartos, entraña explotación da muller e dano aos intereses do menor. E piden que se sancione as empresas de contratación deste servizo no estranxeiro.

Pero as asociacións que defenden a xestación subrogada consideran que o mellor xeito de evitar que se utilice para explotar mulleres en países subdesenvolvidos é facer aquí unha lei que garanta os dereitos de todas as partes implicadas no proceso. Piden que se lles deixe ás mulleres españolas decidir libremente se queren ou non xestar o fillo doutras persoas. "Na lexislación que propoñemos nunca podería ser xestante unha muller que non acredite unha posición económica estable. Todos defendemos o mesmo, non queremos a explotación da muller. Queremos unha lei de xestación subrogada garantista para todas as partes".

Consideran ademais que regular a xestación subrogada en España evitaría que só puidesen acceder a ela as persoas con suficientes recursos económicos para acudir aos países onde se fai con garantías legais.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

19/05/2017