CRTVG

Buscar

O comité de Alu Ibérica na Coruña insiste en "irregularidades" na venda, que analiza Industria

Publicado o 05/06/2020 19:23
O comité de Alu Ibérica na Coruña insiste en "irregularidades" na venda, que analiza Industria

O presidente do comité de empresa de Alu Ibérica na Coruña, Juan Carlos López Corbacho, reiterou a súa denuncia sobre  "irregularidades" no proceso de venda das instalacións e manifestou que por parte do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo trasladóuselles este venres que "están a investigar" a posible existencia das mesmas.   

Tras unha reunión coa presenza, entre outros, de representantes sindicais das plantas da Coruña e Avilés, e do director xeral de Industria, Galo Gutiérrez, insistiu na situación "crítica" das plantas.

Tamén incidiu na "inquietude" existente por parte dos traballadores e explicou que así llelo trasladaron aos responsables do Ministerio, nunha reunión preparatoria da Mesa Técnica de Industria, prevista para o día 9 e que, finalmente, será o 11 de xuño, ás 12.00 horas.

"Agora mesmo case non cobramos e falta subministración de materia prima para traballar", citou, como exemplos, en referencia á situación na planta coruñesa.

Por outra banda, ante o que considerou "un incumprimento" dos acordos subscritos no proceso de venda, primeiro a Parter e logo ao Grupo Riesgo, insistiu en que o Goberno debe "intervir as empresas".

Xestión mancomunada

"Xestionalas desde a Administración central e as comunidades autónomas, cunha xestión mancomunada", apostilou. Corbacho expuxo que só ata que as empresas estean "saneadas", en referencia ás plantas da Coruña e Avilés, podería convocarse un novo concurso de venda.

"Agora urxe o Ministerio a interveña nas empresas". "Isto non é un problema financeiro, é de xestión", insistiu considerando que "as irregularidades" se remontan ao momento "en que Alcoa abriu o proceso" de venda dunhas plantas que, finalmente, adquiriu o Grupo RIesgo.   

Sobre esta cuestión, manifestou tamén que no encontro deste xoves confirmóuselles que se están analizando por parte do Ministerio as posibles "irregularidades".   

Mentres, no marco das mobilizacións anunciadas, o comité de empresa da planta da Coruña convocou este sábado unha concentración, a partir das 12.00 horas, na praza de María Pita.