CRTVG

Buscar

O comité de Alcoa suspende a folga e pide unha reunión para avanzar na venda

Publicado o 15/09/2021 16:25

Os traballadores de Alcoa San Cibrao queren un marco enerxético competitivo para poder ter un futuro. Hoxe pediron unha reunión para desbloquear a venda da planta de aluminio con todas as partes implicadas na operación.

Á espera de que esas negociacións frutifiquen, o comité volve suspender a folga no complexo industrial de San Cibrao ata o día 20 de setembro.

"Mantivemos unha reunión con Alcoa, en que nos comunicou que, tras varias reunións co Ministerio non hai acordo ningún e, desde o noso punto de vista, as posturas están bastante afastadas", precisou o presidente do comité, José Antonio Zan, aos medios de comunicación.

Por iso, o comité pediulle a Alcoa a convocatoria dunha reunión similar á celebrada o día 11 de agosto, que foi a que permitiu "desbloquear a negociación o ano pasado", precisou.

Tamén informou José Antonio  Zan que o comité respectará o "segredo" das negociacións ata que realmente se produza un acordo para a venda da fábrica de aluminio primario.

"O marco enerxético foi un problema e segue sendo un problema. Agora mesmo estamos en mans do Goberno, para que lles garanta ás partes que vai fixar un prezo" competitivo, que realmente faga viable a produción de aluminio na Mariña. "Tendo ese marco enerxético, teremos solución. Haberá solución se eles queren", engadiu.

Noticias web

15/09/2021