CRTVG

Buscar

O comité de Alcoa San Cibrao e Industria acordan convocar a mesa multilateral

Publicado o 03/06/2020 23:06

O presidente de comité de empresa de Alcoa San Cibrao, José Antonio Zan, anunciou este mércores o acordo ao que chegou a representación dos traballadores co secretario xeral de Industria, Raúl Blanco, para convocar a mesa multilateral da factoría, na que estarán representadas as administracións públicas, a empresa e os traballadores.

O comité de empresa de Alcoa San Cibrao mantivo esta mañá unha reunión co secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, para tratar o estado da fábrica luguesa de Alcoa, despois de que a pasada semana a empresa comunicase a súa intención de levar a cabo máis de 500 despedimentos.

Tras a reunión con Caballero o comité reuniuse con Blanco, co que acordaron a formación da citada mesa, na que estarán representadas tanto a Xunta de Galicia como o Goberno, ademais dos traballadores e a propia Alcoa. "Queremos que Alcoa diga claramente se quere continuar ou non, e se non, buscar unha saída a esta problemática que se creou", expresou Zan nun vídeo remitido aos medios en que pide aos traballadores que poñan todos os seus esforzos na manifestación que se vai realizar o vindeiro domingo en Viveiro (Lugo).

Está previsto que o comité se reúna mañá coa Xunta de Galicia e con Alcoa para buscar unha solución á situación e manter o emprego na factoría.

Ademais, o comité chama aos traballadores a non acudir á reunión deste xoves convocada pola empresa nun restaurante de Lugo para tratar o despedimento colectivo antes de abrir un proceso formal de negociación.  

Mentres, o comité prepara unha manifestación para este domingo en Viveiro (Lugo) a partir das 11:30 horas, despois das últimas protestas que levaron a cabo nos últimos días, que incluíron o corte da autovía A-8 e da entrada e saída da fábrica de San Cibrao.

Noticias web

03/06/2020