CRTVG

Buscar

O comité de Alcoa responsabiliza o Goberno se retoman a folga esta tarde

Publicado o 12/05/2021 10:37

O presidente do comité de empresa de Alcoa San Cibrao, José Antonio Zan, confirmou que, se antes das dúas da tarde non se produce algún tipo de comunicación da Sociedade Estatal de Participación Industrial (SEPI), retomarán a folga e a Administración central deberá asumir a culpa de paralizar "a produción de aluminio en España".

Segundo salientou, a "responsabilidade será do Ministerio de Industria e do presidente do Goberno, Pedro Sánchez", por non cumpriren os compromisos adquiridos co cadro de persoal.

En declaracións aos medios de comunicación, acompañado por outros membros do comité de empresa, deixou claro que "non queren ir a unha folga" e o que desexan "é unha solución" que garanta a produción de aluminio na Mariña e os empregos que agora están en xogo.

"Pero farémolo, iremos á folga", asegurou Zan, para seguir loitando polos postos de traballo, porque "agora o problema máis grande é o Goberno de España", dado que "non acaba de decidirse" por unha operación coas mesmas condicións que pactaron as partes no mes de setembro.

"É o único responsable" desta situación, sostén Zan, quen opina que o Ministerio de Industria, a través da SEPI, "ten na súa man" a solución.

"Triangular" a operación de venda

Esa solución pasaría por prestarse a participar "nun acto único", que non tería custo para os contribuíntes, e que consistiría en que a SEPI "triangulase" a operación de venda. Deste xeito, recibiría o traspaso da planta por parte de Alcoa e a vendería no mesmo momento ao comprador.

"Pedíronnos uns días, pero démoslles unha semana" para liquidar a situación, subliñou Zan. "Desde entón estivemos traballando" na planta "en quendas de mañá, tarde e noite", polo que "esperabamos o mesmo do Ministerio de Industria", lamentou.

En canto a posibles compradores, Zan precisou que o comité só ten constancia do interese formulado polo grupo Liberty House, que desde o primeiro momento manifestou a súa intención de facerse coa factoría, porque "os demais son pretendentes" que aínda non deron un paso á fronte "con cartos".

Con respecto á votación no Congreso, onde saíu adiante unha proposición do BNG para que o Goberno realice unha intervención pública da planta, Zan comentou que é o que "tería que facer", pero tamén considerou "estraño que o PP vote a favor e o PSOE se absteña".

 

 

Noticias web

12/05/2021