CRTVG

Buscar

Alcoa di estar preparada "para avanzar" na venda de planta de San Cibrao

Publicado o 22/03/2021 17:45

• O comité de empresa pide unha reunión “urxente” co Goberno e coa Xunta

Alcoa confirmou este luns que está preparada "para avanzar" nas negociacións para a posible venda da planta de aluminio de San Cibrao-Lugo, pero sinala que espera resposta "sobre a folla de condicións xerais  term sheet) presentada á SEPI".

A SEPI sería, segundo fontes da empresa, a potencial compradora da planta de aluminio, conforme co proposto polo Goberno e o acordo que Alcoa asinou cos representantes dos traballadores". "Alcoa mantén o seu compromiso de negociar de boa fe a venda da planta a SEPI co fin de atopar a mellor solución posible para todas as partes", destaca a compañía. 

Pola súa parte, o comité de empresa de Alcoa San Cibrao solicitou unha “xuntanza urxente” co Goberno de España e coa Xunta de Galicia para saber en que punto se atopan as negociación, entre a SEPI e a multinacional, para vender a planta de aluminio primario do complexo de Cervo.

Tras a Mesa Multilateral, celebrada este luns, o presidente do comité, José Antonio Zen, asegurou que a Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) non lles facilitou datos polo que queren saber cales son os atrancos que impiden pechar a operación.

Segundo o representante do cadro de persoal, ambas as dúas administracións comprometéronse a convocar a reunión canto antes.

José Antonio Zen dixo que Alcoa está “traballando na papelada que fai falla para cando veñan visitar a planta”. Polo momento, só Liberty manifestou o seu interese na venda. Ademais, a factoría prepara a separación de ambas as dúas partes do complexo: a refinería e a planta de aluminio primario.

Na xuntanza da Mesa Multilateral participaron membros do comité de empresa, dos sindicatos, do Goberno de España, da Xunta de Galicia e de Alcoa. Foi a primeira reunión entre as partes dende que se producíu o rexistro policial das fábricas de Alu Ibérica na Coruña e Avilés.