CRTVG

Buscar

O comité de Alcoa pide que non se pechen as cubas ao inicio da última xuntanza coa empresa

Publicado o 23/07/2020 09:29

• Mañá remata o prazo de negocición do ere que afecta directamente a 534 traballadores

• Alcoa di estar disposta a ampliar o prazo de negociacións se se pechan as cubas

Xornada decisiva para o futuro da factoría de aluminio de Alcoa. Hoxe é o último día das negociacións entre os traballadores e a dirección de Alcoa. Se non hai avances ou a empresa accede a ampliar o período de negociacions, este venres a multinacional iniciará o proceso de despedimento dos 534 traballadores da única planta de aluminio que queda en España.

A xuntanza ten lugar, como vén sendo habitual, nun establecemento hostaleiro de Lugo. Mañá remata o prazo de negociacións do ere que suporá o despedimento de 534 traballadores da factoría de Alcoa en San Cibrao, dirección e sindicatos sentáronse de novo na mesa de negociacións.

Os representantes sindicais pensan que aínda se está a tempo de reconducir a situación, pero consideran que a Administración debe poñer presión á multinacional, que se mostra inflexible.

A dirección de Alcoa di que está disposta a ampliar o prazo de negociacións, tal como piden os sindicatos, pero pide a cambio a paralización das cubas, unha liña vermella que os traballadores non están dispostos a aceptar. Iso é o que pedía esta mañá o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, xusto antes de entrar á reunión.

Os empregados da factoría de Alcoa e os das empresas auxiliares continúan coa folga indefinida que iniciaron este luns. O comité de empresa aínda non recibiu a documentación prometida polo Ministerio de Industria sobre o plan estratéxico e industrial que lle propuxo á multinacional e en que entrarían dous novos socios.

 

 

Noticias web

23/07/2020